miércoles, 27 de agosto de 2008

6. ACERCA DO PROXECTO...

ESTUDO DE IDEAS PREVIAS

Ó inicio do proxecto o alumnado explicita a información que posúe sobre a casa e comparte estas ideas e crenzas co resto da clase, comparando, debatendo e contrastando as diferentes versións.

No decurso deste proceso faise consciente de cales son as súas concepcións e de cales son as limitacións das mesmas. Apercíbese de que hai información sobre a casa que non posúe e de que hai compañeir@s que teñen informacións alternativas e ata diferentes á propias.

Neste primeiro momento do proxecto pódense utilizar diferentes técnicas que faciliten a recollida de información na memoria e mesmo a súa asociación e comunicación: Remuíño de ideas, fotoproblema mural, debate na asamblea, fotoblog…

Toda esta información previa compilada, anotada e debatida conduce ó alumnado á certeza de que debe investigar para subsanalas dúbidas e para completalos datos que non posúe.

ÍNDICE E GUIÓN DA INVESTIGACIÓN

Constátase a necesidade de buscar información para poder facer a casa. O alumnado, conxuntamente co profesorado, elabora un índice de preguntas (ou un guión se xa ten experiencia na realización de proxectos de traballo, como é o caso) que lle permita contextualizalos aspectos sobre os que vai investigar e moverse con garantías de éxito entre a enorme cantidade de información que pode atopar sobre este tema.

FONTES PARA A INVESTIGACIÓN

Poñer ó alumnado en relación coa nova información vai supoñelo manexo de diferentes fontes, unhas xa coñecidas e outras novas.

Para este tema existen fontes como:

As familias, revistas especializadas, internet, libros sobre a casa…

ORGANIZACIÓN PARA A INVESTIGACIÓN

Para recollela información cómpre dunha planificación eficaz que permita mergullarse en diferentes fontes, seleccionar información sobre a casa e elixila máis relevante.

Pódense escolmar diversas posibilidades:

Cada grupo investiga nunha fonte diferente e transmite a información ó resto, tódolos grupos investigan na mesma fonte e contrastan os datos obtidos, faise a investigación en grupos cooperativos…

TRABALLO COA INFORMACIÓN

Localizada toda a información que precisamos sobre a casa hai que interpretala, analizala coidadosamente, valorala, comparala con outras informacións alternativas e, despois de comunicala e compartila co resto da clase, arquivala eficazmente. Podemos usar neste caso un fotoblog.
Xa toda a clase está en disposición de estructurala información que posúe sobre a casa empregando estratexias variadas como mapas conceptuais.

Ó final desta fase o alumnado toma contacto con diferentes fórmulas de comunicación de resultados e mesmo de elaboración de información nova ou de reelaboración da información atopada.

AVALIACIÓN, SÍNTESE E CONCLUSIÓNS

A recapitulación, síntese e conclusións son tarefas grupais que permiten á clase reflexionar sobre o aprendido ó redor da casa e facer propostas de mellora e afondamento cara á vindeiros proxectos. Tamén se converte nunha tarefa individual de reconstrucción de esquemas cognitivos propios.

No hay comentarios: